Esquerda Unida Vilagarcía

EU denuncia o "paripé da suposta rebaixa do IBI

EU denuncia que a suposta rebaixa do IBI en Vilagarcía será sufragada polo incremento do IBI dos terreos do rural

  • O Grupo Municipal esixe ao novo Goberno Local que sexa coherente co que comprometeu coma oposición no pleno e chegue a rebaixa do IBI ata o 0,52%, e recórdalle a Varela que no seu día participou na manifestación que solicitaba esta demanda
  • EU denuncia que o PSOE non deu tempo á oposición para analizar e preparar as súas propostas e que está continuamente tomando decisións precipitadas en asuntos clave coma son os impostos, deixando todo para o último momento 
  • O Grupo Municipal insiste en que se o equipo de Varela non logra acordos e sacar adiante unha forma máis xusta de impostos para Vilagarcía, serán culpables de manter as inxustas taxas e impostos da lexislatura anterior

 

Vilagarcía de Arousa, 17 de outubro. Esquerda Unida denuncia que o Goberno Local de novo volver a poñer en debate un asunto clave para os veciños e veciñas sen tempo e con presas. A convocatoria de xunta de voceiros e comisión informativa, recibida o domingo para o martes e posterior comisión informativa o venres, non permite aos concelleiros solicitar informes técnicos e revisar a documentación.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere deixar claro que a proposta de dedución da contribución non é tal, xa que o Goberno fai que a baixada dos bens urbanos recaia sobre os bens rústicos que son os que financiaran esta rebaixa. Jesús López, voceiro la formación afirma que “polo tanto no conxunto o IBI a pagar no 2016 en Vilagarcía crecerá, sen que os que máis vivendas posúen ou os que teñen vivenda de luxo contribúan en maior medida a unha fiscalidade progresiva.”

Os datos son moi elocuentes desta trampa do Goberno, que polo demais mantén a carga impositiva que tanto criticou o PP:

(Segundo datos extraídos do orzamento do 2015)

* IBI rústico aboado no 2015...................207.165€

Coa proposta do Goberno de incremento do 0,30 ao 0,80 no 2016 pagaremos 552.440€ é dicir pagaremos 345.275€ máis polo IBI rústico que este ano

* IBI Urbano aboado no 2015…………….6.167.067€

Coa proposta de rebaixa do 0,60 ao 0,58% pagaremos no 2016 5.962.089€ é dicir pagaremos 204.987€ menos que este ano .

López sinala que “polo que si o aforro de 204.987€ lle restamos o incremento do rústico 345.275€ estámoslle en realidade a INCREMENTAR o que pagaremos de IBI en 2016 en máis de 141.000€. A conclusión por tanto é que o goberno oculta que a rebaixa do IBI non é máis que sobrecargar o rural coas rebaixas do IBI Urbano.” “EU tampouco acepta a última escusa do Goberno que di que esta subida é para que paguen máis as vivendas do paseo marítimo. Isto ademais de demostrar que durante 30 anos de gobernos PSOE -PP en Vilagarcía, se permitiu que as vivendas máis caras de Vilagarcía paguen menos contribución que calquera traballador pola súa casa, non é de recibo, xa que tiveron tempo dabondo para atallar esta desigualdade inaceptable, sendo ademais moitos máis os veciños afectados no rural por este incremento que as decenas de “multimillonarios” afectados no Paseo Marítimo.”

As propostas de Esquerda Unida: máis impostos as vivendas de luxo e recargo por terceira vivenda O Grupo Municipal ven de propoñer nas comisión informativas que se rebaixe o IBI ao 0,52% como se comprometeu coa plataforma en defensa da rebaixa do IBI, e compensar esa rebaixa coa introdución de tramos diferentes para as vivendas máis custosas, é dicir, aquelas que superen os 500.000€.

Tamén trasladaron ao Goberno que as persoas que teñan máis de 3 vivendas, deben pagar un recargo importante a partir da 3ª vivenda en posesión. Unha vez máis demóstrase a falla de fiabilidade deste goberno que non entende a necesidade de compensar a situación de atraco que sofren os veciños e veciñas de Vilagarcía diante das subidas indiscriminadas dos impostos municipais, que levaron o IBI a un incremento de máis do 54% durante o mandato do PP.

“O noso grupo defenderá no pleno a necesidade de implementar o acordo dos grupos daquela da oposición de reducir o tipo impositivo ata o 0,52, ademais de formular unha reforma profunda deste imposto, de xeito que as persoas que non teñan recursos suficientes estean excluídos do pago, e aquelas que posúan máis de 3 vivendas vexan incrementadas as cantidades a pagar, ao igual que os bancos e inmobiliarias que acumulan centenares de vivendas valeiras, todo co obxectivo de aplicar a máxima de quen máis ten máis paga, e de fomentar a posta no mercado das vivendas valeiras en mans dos especuladores.”

Esquerda Unida insiste en que se o equipo de Varela non logra acordos e sacar adiante unha forma máis xusta de impostos para Vilagarcía, serán culpables de manter as inxustas taxas e impostos da lexislatura anterior, incumprindo así a súas promesas electorais e compromisos dende a oposición no mandato de Fole.

Esquerda Unida Vilagarcía

Av. Agustín Romero, 7 Villagarcía de Arosa, Pontevedra, España,
Madrid 36600,
Spain

Newsletter

Powered by PRNEWS.io